Gal - Esp

A túa clínica de estética e centro médico en Ourense

Categorías

Sal iodada: ¿quen debe tomala?

17/08/2018· Noticias

O bocio non se cura con sal iodada

Galicia foi sempre unha zona endémica de bocio. Nos anos 80 a administración promoveu a inxesta de sal iodado, coma un mecanismo de diminución da prevalencia de bocio no noso país; era unha campaña avalada pola esperiencia noutros países, e ratificada pola Organización Mundial da Saúde. A Xunta iniciou en xaneiro do 1985 unha campaña baixo o lema “Contra o bocio, sal iodado”.

Agora ben, a mensaxe que moita poboación recibeu non foi “para previr o bocio é útil o sal iodado”, senón “se tés bocio, toma sal iodado”. Foi unha interpretación errada, que tiña a súa orixe nun eslogan pouco meditado, e a diferenza era clara: o sal iodado é útil nas persoas que aínda non teñen bocio e teñen risco de desenrolalo, pero non é útil nas persoas que xa teñen bocio dende hai anos. Pronto empecei a descubrir este erro de interpretación nos meus pacientes, e así llo comuniquei á administración galega, sen teren resultado.

O certo é que dende esa campaña, pronto empezaron a aparecer moitos casos novos de hipertiroidismo (aumento de produción de hormona tiroidea). No 1987 presentei a primeira comunicación que se fixo en Galicia deste problema , que xa aparecera noutros países que iniciaran unha campaña de promoción do sal iodado. Os pacientes que eu describía eran persoas, moitas de idade avanzada, con bocio de longa evolución, que en todo ese tempo non lles dera problema ningún, pero que cando escoitaron a campaña da Xunta se puxeron a tomar sal iodado ca idea errada de que lles podería facer diminuír ou desaparecer o bocio. Pero certo é que non só non se lles reducía o bocio, senón que este empezaba a producir un esceso de hormona tiroidea, con consecuencias potencialmente graves, especialmente en poboación maior, e así algúns dos pacientes que eu describía apareceron con complicacións cardíacas causadas por ese problema; a primeira medida foi, por suposto, a suspensión do sal iodado. E todo por un eslogan pouco afortunado.

¿Quen debe tomar sal iodada?

Hox en día moita xente segue a ter unha errada interpretación da utilidade do sal iodado, e por eso queremos clarificalo:

  • O sal iodado é útil en nenos, en adolescentes, en embarazadas (para o neno que levan dentro) e en mulleres que dan peito; evita problemas relevantes por déficit de iodo nos nenos que están no útero da nai ou que toman peito, e evita –en parte– a aparición de bocio no resto de nenos e mozos.
  • Pero para o resto da poboación non ten esa utilidade; máis aínda, nas persoas que xa teñen bocio (e máis se este tén nódulos) o sal iodado pode desencadear un hipertiroidismo que, especialmente no caso de persoas maiores, pode ter serias consecuencias.

Polo tanto, as persoas que non entran no grupo descrito de nenos, mozos e mulleres embarazadas ou que dan peito, non deben tomar sal iodado, e, sobre todo, ningunha persoa de idade avanzada. Comprendo que pode haber algunha dificultade nunha familia na que conviven nenos e vellos, pero pódese solventar deixando de botarlle o sal iodado á comida compartida e botándollo por riba aos nenos despois da preparación.

Finalmente, moitos especialistas en Endocrinoloxía temos a convición de que o bocio obedece tamén a outras causas, non só o déficit de iodo, e así a compoñente heredo-familiar xoga un papel importante; de feito, seguimos a ver bocio nunha poboación que xa fai unha dieta variada e toma cantidades abondo de iodo.

De tódolos xeitos, é imprescindible asegurar un aporte axeitado de iodo aos nenos mentres están no útero da súa nai e mentres toman peito, non xa pola aparición de bocio, senón para evitar outras complicacións serias; tamén axuda a previr o bocio na nenez e na adolescencia. Pero debemos clarificarlle ao resto da poboación que o bocio non se cura con sal iodado e que as persoas que non entran nese grupo descrito non teñen obriga de tomar sal iodado, non deben tomalo se teñen bocio, e de ningún xeito se son de idade avanzada.

Suárez, X. M.: “Hipertiroidismo: complicación dunha campaña de sal iodado”. Comunicación ao I Encontro Luso-Galaico de Endocrinoloxía e Nutrición, Porto, 1987.